Saturday 04 de May de 2024

Conciliación nas tardes co Espazo de Coidados Corresponsables da Pobra


A Pobra do Caramiñal prosegue achegando conciliación nas tardes a través do Espazo de Coidados Corresponsables. Trátase dun servizo municipal de balde ao abeiro do Plan Corresponsables promovido e financiado con fondos procedentes do Ministerio da Igualdade.

A Concellaría da Igualdade, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), explica que o obxectivo é contribuír a compatibiliza-la vida laboral e persoal de mulleres e homes, ademais de fomenta-la correponsabilidade nos labores domésticos e na atención á familia favorecendo a asunción equilibrada das responsabilidades.

O dito proxecto funciona de luns a venres, en horario de 16.00 a 21.00 horas, no CEP Salustiano Rey Eiras. A rapazada de entre 3 e 12 anos asistirá a obradoiros de lectura, labores manuais ou xogos cooperativos, entre outras propostas, todas elas con perspectiva de xénero.

Ofértase un total de 20 prazas que se deberán reservar no Departamento da Igualdade do Concello. Máis información no enderezo electrónico igualdade@apobra.gal ou no teléfono de contacto 981832764, marcando a extensión 6.

A maiores, lembrar que o Concello facilita polas mañás o Servizo de Madruga e Comedor.